Cabeceira

Mesas redondas

Na presente edición do congreso da SGAPEIO contaremos con dúas mesas redondas. A primeira abordará as aplicacións prácticas das diferentes técnicas de investigación de operacións para resolver problemas que xurden nas empresas.

A segunda mesa redonda centrarase nas numerosas situacións da nosa vida diaria onde a estatística xoga un papel importante.

 

Aplicacións da Investigación de Operacións no mundo empresarial.

Salvador Naya Fernández (moderador).

Catedrático de Estatística e Investigación de Operacións do Departamento de Matemáticas da Universidade da Coruña. Licenciado en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor en Enxeñería Industrial pola Universidade da Coruña. Na actualidade, dende a súa labor de Vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, é presidente de Bugalicia, do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) e da Fundación CITIC.

Julio González Díaz.

Licenciado en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela e Doutor en Estatística e Investigación Operativa por esta mesma universidade dende o ano 2005. Nos seus primeiros anos a súa investigación centrouse na teoría de xogos, aínda que dende o ano 2010 a optimización matemática gañou peso da man de colaboracións con empresas como Repsol e Reganosa no marco de contratos coa propia Universidade de Santiago de Compostela e co Instituto Tecnolóxico de Matemáica Industrial, ITMATI, do que Julio é investigador adscrito dende os seus inicios no ano 2013.

Silvia Lorenzo Freire.

Profesora titular da área de Estatística e Investigación de Operacións na Universidade da Coruña. Desenvolve a súa labor investigadora nos campos da teoría de xogos cooperativos e a optimización. Os seus traballos de optimización céntranse no estudo de problemas reais, que se resolven utilizando técnicas exactas de programación lineal e facendo uso de algoritmos heurísticos ou metaheurísticos. Participa, ademais, en varios proxectos de transferencia.

Jorge López Muñiz.

Licenciado en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela, é Head de tLab & Advanced Analytics do Grupo Hijos de Rivera (Estrella Galicia). Experto en transformar datos en coñecemento, dirixiu distintos departamentos en Estrella Galicia contribuindo así ao crecemento da compañía durante os últimos 10 anos. Actualmente forma parte do equipo que lidera a súa transformación dixital.

 

A importancia da Estatística na vida diaria.

Covadonga Rodríguez Moldes (moderadora).

Catedrática de Matemáticas, actualmente no IES Mugardos. Profesora vocacional con 40 anos de experiencia; participante activa en foros e reunións matemáticas coma cursos, xornadas ou congresos, en especial as JAEM nas que foi poñente en dúas ocasións. É autora de varias publicacións relacionadas coa ensinanza das matemáticas. Coorganizadora e profesora de ESTALMAT (Estímulo do TALento MATemático) de Galicia dende a súa creación hai 12 anos e delegada do equipo galego na Olimpiada Matemática Española. Gañadora de diversos premios e distincións relacionados coas matemáticas, tanto a nivel galego coma estatal, como por exemplo os acadados na Incubadora de Sondaxes e Experimentos organizada pola SGAPEIO.

Jesús Díaz López.

Licenciado en Matemáticas, profesor de Matemáticas do IES Universidade Laboral e durante os últimos oito anos Responsable da Oficina de Transferencia Tecnolóxica do CITIC (Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña - UDC-). Partindo da súa experiencia técnica no desenvolvemento de software e solucións TIC adquirida en diversas empresas tecnolóxicas internacionais, dende o CITIC impulsou proxectos de I+D no campo das matemáticas e as TIC achegando a diferentes centros educativos a aplicación das matemáticas mediante xornadas divulgativas. Ademais pertence á comisión de avaliación das iniciativas empresariais innovadoras do Viveiro de Empresas da UDC e colaborou coma docente no Máster Universitario de Enxeñería Informática da UDC e no Máster Internacional de Empresas Industriais IFFE-Cortizo.

Xaime Suárez Blanco.

Graduado en Matemáticas ao tempo que complementaba os seus estudos de conservatorio na especialidade de Guitarra. Cursou o Máster Interuniversitario en Técnicas Estatísticas (impartido polas tres universidades galegas) entre 2017-2019 e o Máster de Educación no curso 2018-2019. Ademais, traballou en Gradiant (Centro Tecnolóxco de Telecomunicacións) entre 2018-2019 coma analista de datos, en sistemas de simulación e en minería de procesos fundamentalmente. Tras este período realizou as prácticas no I.E.S. Milladoiro (Ames) coma profesor de Matemáticas. Na actualidade está remantado o seu traballo de fin máster.